Proxecto...de...acondicionamento..e..consolidación...para..a...posta..en..valor...do...Castro..de..Baroña

miércoles, 28 de noviembre de 2012

Baroña dende o mar





















Todo coincidimos en que o Castro de Baroña é o máis fotoxénico de Galicia. A perspectiva dende o Agro das Canles é unha das imaxes máis recoñecibles do patrimonio arqueolóxico galego e un do seus grandes atractivos. Pero a Punta do Castro ten unha cara oculta: a que se dexerga dende o mar. A vista que tiveron os navegantes púnicos ou os castrexos que se arrimaban á costa nos seus currachs. A que teñen os mariñeiros do Son que andan ás nasas, e a que tamén tivemos nós este verán cando, cun grupo de amigos do Son, percorrimos en barco a parte máis fermosa e impactante do litoral sonense, a que vai dende a Punta da Atalaia ata as Pedras das Basoñas
Tiña ganas de ver Baroña dende o mar. O mesmo que viron os mozos galeguistas que, en xullo de 1932, navegaron a costa galega a bordo do paleibote Xaquín Pérez, de trinta toneladas e dous paus. O malogrado Xurxo Lourenzo describe ese cruceiro pioneiro nun fantástico documento, cheo de anécdotas encantadoras e ilustrado cuns debuxos deliciosos. A descrición da costa de Baroña, nomeando os castros que albiscaba dende a cuberta do Xaquín López, aínda emociona: "Primeiramente, domiñando aló no outo, a Enxa, que os de Muros chaman o Ens, grande teimo acôtado nas cartas nos 543 ms. de altitude, e que ten dous recintos de pequeno diámetro, chamado â Atalaia o superior. Embaixo, arrodeado pol-as augas, aparez o perfil cortado e penedoso do Castro de Baroña. Máis endiante o Castro de Queiruga ou punta do Castro, todo il cultivado" ("Notas do meu diario arqueolóxico", NÓS, nº124-125, 1934).
Esa tarde de xullo, de ceo azul, salitre e compañeirismo, puidemos apreciar que, efectivamente, o Castro é practicamente invisible dende o mar. Hai que achegarse moito á Arealonga para entrever as ruínas do asentamento fortificado. Tal e como o viu Xurxo Lorenzo, aparece ante os nosos ollos unha masa pina e penedosa, un coloso enigmático e mudo. Si realmente é así, ¿estaba Baroña pechada ao mar?. Observen a foto de abaixo. De fronte poden ver o istmo, coa pequena praia do Castro en primeiro termo. Á dereita aparecen a muralla e os socalcos que sosteñen a segunda plataforma habitacional, a zona escavada polo Sr. Luengo a comezos dos nos 70. A motora "Maraxe" está ao pairo nun remanso de augas tranquilas, no comezo dunha estreita canle. Chousa, o patrón, bo coñecedor destas augas, comentounos que ten o fondo limpo e o suficiente calado para levar unha gamela ata a mesma area, tal e como fixeron tradicionalmente os poucos homes da parroquia que andaban ao mar. Arestora, eu non teño dúbidas, un pequeno porto natural protexido do vendaval e das temibles "suradas", pero tamén o lugar onde os habitantes do castro fondearon e vararon as súas embarcacións a finais da Idade do Ferro.
Para outro momento, deixo a impresión que me causou a visita ás míticas Basoñas, un farallón nórdico cravado fronte ao cabo de Corrubedo. Alí, no fogar dos corvos mariños, vivín unha sensación indescritible, moi semellante á que sinto cada verán, cando me achego á Illa Lobeira cun grupo excepcional de veciños do Pindo, os meus amigos da Costa da Morte.

Tito Concheiro


sábado, 24 de noviembre de 2012

O amencer do Castro de Baroña




















O primeiro que rechama ao mirar un plano do Castro, son esas grandes cabanas de planta ovalada, un atipismo dentro da arquitectura doméstica da Segunda Idade do Ferro nas Rías Baixas. Sempre houbo un certo debate sobre a cronoloxía destas construcións peculiares, e pode ser que sempre estivesen aí, dende o mesmo momento en que unha tropa de castrexos decididos puxéronse a cavar gabias, carrexar terra e construír muros coma auténticos posesos.
O que quedou claro, tanto nas intervencións de 1995-96 como nesta de 2012, é que as grandes cabanas que arestora atopamos xusto ao traspasar o acceso aos recintos habitados, erguéronse na última fase de ocupación, seguramente no mesmo proxecto que implicou o levantamento dun novo sistema defensivo e dunha porta colosal. A construción dun espazo monumental e de gran forza escenográfica que cambiou de xeito radical, e para sempre, a morfoloxía deste magnífico hábitat castrexo.
A monumentalización da arquitectura, defensiva e doméstica, é un feito característico de finais da Idade do Ferro. Suxire cambios profundos na sociedade do momento, un auténtico terremoto social para aquelas comunidades dinámicas, adaptables e oportunistas. Pero cada castro é un mundo de seu e ten unha historia distinta que contar. Nese magma en ebullición que foi final do primeiro milenio antes da nosa Era, algúns colapsaron, como O Achadizo, que se abandonou a mediados do século I, pero outros tiveron éxito, prosperaron e chegaron a desenvolver arquitecturas custosas e sofisticadas. Neste grupo de privilexio tamén figura Baroña.
Como se pode ver na foto de arriba, a gran cabana ovalada descuberta no seu día polo arqueólogo pontevedrés González García-Paz, e reescavada neste 2012, é unha estrutura de grandes dimensións, falando sempre dentro da escala propia dos castros. Á luz dos datos e novidades fornecidos nesta última campaña, construíse sobre unha plataforma elevada á que se accedía, unha vez traspasada a gran entrada en falso túnel, por tres chanzos de pedra. Á esquerda deles quedaban ás esqueiras para subir ao adarve da muralla, ás torres de flanqueo do corredor de acceso e ao pasadizo elevado que comunicaba as cabezas dos lenzos defensivos. Ao fronte, embocaba nunha calexa delimitada por dúas construcións. Unha delas, axuntada ao paramento interior da cerca, construíuse sobre os alicerces da primeira muralla. A outra é a nosa gran cabana ovalada. Ámbalas dúas abrían as súas portas afrontadas, coa soleira da cabana redonda sobreelevada e accesible por medio dunha esqueira de catro chanzos. Unha mostra de complexidade arquitectónica que reflicte unha obviedade mil veces repetida: que as construcións castrexas non eran células independentes, senón que formaban parte dunha paisaxe intensamente edificada na que todos os elementos estaban relacionados.
Pero hai máis. Xunto cun interesante espolio material, no que sobrancean fermosas mostras de cerámica indíxena, dúas moas de muíños manuais, anacos de cerámica de mesa de importación e ata un machado puído, a escavación sacou á luz un sorprendente nivel inferior de ocupación, tal e como se pode ver na fofo de abaixo. Sobre el, abertos no sedimento e na rocha base, os negativos de varios ocos de poste. Están aliñados, deseñan unha planta curva e cabe interpretalos como parte dun fondo de cabana de estacas e caneirado, un tipo de construción que, no eido doméstico e nesta zona xeográfica, onde a arquitectura petrifícase ben cedo, pódenos levar ás primeiras fases da Cultura Castrexa. Na miña opinión persoal, trátase dun achado de primeira orde que reafirma a nosa postura a prol dunha dinámica estratigráfica complexa para o xacemento e da existencias de fases de ocupación antigas. Unha novidade importante que abre as portas dun tempo suxestivo: o amencer do Castro de Baroña.

Tito Concheiro


martes, 20 de noviembre de 2012

Heroes






















Aí están, enchoupados coma pitos, os alumnos de 1º de bacharelato do Instituto de Carballo. Estes valentes brigantinos escolleron para vir un día con temporal do sur (a "surada" que tan ben coñecen os mariñeiros do Son), unha desas xornadas que dan a Baroña ese carácter único que só ela ten, salvaxe, como de natureza desatada. Aparecen nesta entrada por dous motivos: primeiro, porque foi o primeiro grupo que se mollou arreo, tal e como chove na Punta do Castro; e segundo, porque fixeron unha visita un tanto especial. Un modelo que hai tempo que eu quería desenvolver.
Chegaron este chuvioso martes acompañados da súa profesora de Historia, Beatriz Cuesta. Bea, que é antropóloga de formación e unha docente dinámica, de nova xeración, contactou connosco fai un tempo. Non pediu unha visita guiada convencional, en plan excursión de tempo libre para escolares, ao estilo daquelas que todos fixemos ao Trega ou á Toxa cando eramos cativos. Propúxonos integrar o Castro no seu programa docente, como unha clase máis. Durante este tempo desenvolveu o temario de Prehistoria tendo en conta a visita, concibida máis como un coñecemento sobre o terreo que como unha desas aburridas prácticas que só interesan aos que as imparten. Esta clase ao aire libre tivo, ademais, o mérito de explicar Baroña dun xeito integral, recorrendo os camiños, as agras, a praia e os coídos antes de entrar en materia no propio depósito arqueolóxico. En resume, un modelo que se podería describir como de aula aberta, rompedor e participativo.
Sempre dixen que a volta da actividade arqueolóxica ao Castro cambiaría as cousas. Pero nunca sospeitei que a transformación puidera chegar a ser de tal calibre. Por iso deixo para o final esta reflexión: ¿imaxínanse o que será do Castro de Baroña o día que teña, por fin, os equipamentos interpretativos, lúdicos e didácticos que demanda o seu Plan Especial de Protección? Resposta fácil: arrasa.
Tito Concheiro

Ollando arroases


















A cantidade de recursos que ten o Castro de Baroña é descomunal, e cada día me sorprende máis. Este grupo de escolares franceses que visitaron a Punta do Castro atopáronse, logo de visitar as impactantes ruínas da Idade do Ferro, cun espectáculo único: unha gran manda de golfiños voando sobre as ondas que bican o canaval da Arealonga. Ollaban arroases, pero tamén podían estar fotografando fadas, os encantos que guiaron a Ulises no Atlántico.

sábado, 17 de noviembre de 2012

As portas: o poder dos castros




Para os que vivían dentro, pero tamén para os que o dexergaban dende fóra, a fortificación era o elemento que imprimía verdadeiro carácter ao poboado da Idade do Ferro. En Baroña, ao igual que noutros grandes asentamentos do Noroeste, a potencia e sofisticación do aparato defensivo suxire que, ademais de valores intanxibles, como o prestixio ou simbolismo do espazo pechado, o complexo fortificado, forte, poderoso e construído cunha coidadosa planificación previa, foi deseñado para disuadir e combater, se chegado fose o caso. Neste castro espectacular, unha auténtica praza forte fincada na Prehistoria, existiron, canto menos, catro cintos defensivos sucesivos. En tres desas liñas de muralla, cada unha coas súas características e morfoloxía propias, ábrense portas ou sistemas de entrada: o que dá acceso ao istmo dende o exterior, a traveso da muralla transversal e salvando o foxo escavado no substrato (unha gabia brutal cavada a pico na rocha viva); a gran porta que permite pasar ao 2º recinto, seguramente o primeiro realmente habitado; e as escaleiras entre machóns que dan paso á segunda plataforma, escavadas no seu día polo Sr. Luengo e unha das imaxes máis recoñecibles deste xacemento formidable. 

A reescavación, neste ano 2012, do sector ocupado pola gran entrada monumental, que comunica o istmo coa primeira plataforma con vivendas, revelou o que xa se tiña intuído: que en determinado momento da súa historia, os habitantes do Castro de Baroña reformularon o seu sistema defensivo, unha obra de escala colosal que trocou absolutamente a imaxe do asentamento. Os vestixios máis antigos, de cronoloxía prerromana, correspóndense cunha gran cerca de cachotería elaborada cun aparello de excelente calidade, dotada dun sistema de acceso do tipo de porta asimétrica con rampla. Nun intre moi posterior, seguramente en torno ao cambio de Era, esta muralla desmontouse parcialmente, rectificouse o seu trazado, envolveuse por unha obra nova e quedou incorporada a un aparato soberbio: unha entrada en rampla achanzada protexida por dous torres con fortes zócalos e zarpas de contención. A calexa de entrada atopábase pavimentada cun coidado lousado de laxes e pechábase a medio camiño cun sólido portón de madeira. Sobre el, unha pasarela permitía o tránsito polo adarve ou camiño de rolda, ao que se subía por medio dunhas esqueiras axuntadas ao paramento interior. Na foto pódese observar claramente a estratigrafía de muros, cos paramentos superpostos da primeira e segunda murallas, así como o magnífico pavimento de lousas que pisaron os habitantes de Baroña ata que o derradeiro castrexo pechou a porta.
Esta é unha visión farragosa e técnica feita por un arqueólogo: a descrición dos elementos que subsistiron ao mar de fondo do tempo e logo nós sacamos á luz. Restos arruinados dun pasado glorioso. Pero, ¿cómo sería esta construción ante os ollos daquelas mulleres e homes que decidiron vivir nese mar de penedos empoleirados no Atlántico?. Miguel López Marcos, o noso director de restauración, ten un don: o da recreación. Por iso un día, sentado o equipo técnico a carón dos restos desta porta espectacular, falando de fases e niveis de construción e reformas, fixémoslle unha petición especial: debuxa, como ti cres que era, a gran porta de Baroña. E aquí está o resultado: a imaxe do poder e a forza dunha comunidade de finais da Idade do Ferro no Occidente galego.


Tito Concheiro



miércoles, 14 de noviembre de 2012

Compañeira de viaxe






























A cerámica é a compañeira de viaxe das escavacións arqueolóxicas nos castros da Idade do Ferro, os grandes contedores de material da Prehistoria galega. Un axioma que en Baroña, malia ter sido aberto nunha extensión descomunal, cúmprese á perfección.
Agora, nestes días de novembro, estamos intervindo nunha das cabanas que García Paz escavou en 1933, posteriormente consolidada por Calo na década dos 80 coa súa metodoloxía habitual: recrecemento dos muros á vista con fiadas de seguridade trabadas con cemento. Un método xa obsoleto, pero que fixo fortuna por aquelas datas. Ademais da recuperación do aspecto orixinal desta gran estrutura oval, abrindo incluso a porta tapiada polos propios entullos da casa derrubada, a reescavación deparou sorpresas non esperadas, como sempre pasa en arqueoloxía. A fundamental foi que aproximadamente un terzo do espacio interior estaba practicamente intacto. Con seguridade, García Paz limitouse a seguir muros para descubrir a planta desta gran cabana e logo Calo únicamente consolidou os muros visibles. E apareceu o que tiña que aparecer: niveis de ocupación e unha gran cantidade de material arqueolóxico, nomeadamente aquela "enormidá de cerámica" da que falaban os ultreyas noieses que visitaron a Punta do Castro en 1933.
Despois de tantos anos, non me podo negar e sigo sendo un arqueólogo de entusiasmo fácil. Pero comprobar que o Castro de Baroña aínda ten cousas que ofrecer ao coñecemento da nebulosa Idade do Ferro do Noroeste emociona a calquera.
Na imaxe de arriba, a man do Champi, un auxiliar de arqueoloxía que escava a paletín como os anxos e ten unha habilidade especial para detectar buratos de poste, sostén gran parte da boca fragmentada dun recipiente de labio retraído tipo Vigo. Un modelo de vasilla que fixo furor nas fases avanzadas do Castrexo das Rías Baixas. Como en Baroña todo é orixinal, e ten un aquel que afasta doutros castros da contorna (como as grandes casas ovaladas ou as fortificacións, que semellan propias dos oppida galos), as incisións do reforzo no borde desenvolven un fermoso friso en aspas.

Tito Concheiro

domingo, 11 de noviembre de 2012

Imaxina o Castro de Baroña






















Hoxe calquera actuación de posta en valor dun xacemento arqueolóxico, mesmo unha escavación convencional en área, son impensables sen un plan de difusión que inclúa actividades paralelas para todos os públicos. As nosas iniciativas recentes na Cruz do Castro de Carballedo e no Castro das Barreiras de Vimianzo, demostran a viabilidade dos propios depósitos como equipamentos culturais, preferentemente ao servizo da educación e o lecer da comunidade local.
O obradoiro celebrado no castro o mes de agosto pasado, coincidindo co fin de semana da Feira Celta de Porto do Son, axustouse a esa liña e foi un exitazo completo. Titulábase "Imaxina e debuxa o Castro de Baroña" e planeouse como unha actividade aberta e de balde, como eu penso que ten que ser a cultura. Contou, ademais, coa asistencia dun colaborador de excepción, o arquitecto Marcial Rodríguez, outro apaixoado de Baroña e un dos seus máis grandes valedores. Apuntáronse preto de medio centenar de persoas: turistas, veciños do Son, afeccionados á arqueoloxía, moitos rapaces e incluso familias enteiras. Lonxe deses obradoiros ou "talleres" tan de moda, aparatosos e dirixidos, aquí todo foi espontáneo. Ese pelotón de namorados baroñeses dispersouse polo xacemento para captar nos seus cadernos a súa particular visión dun asentamento fortificado da Idade do Ferro. Por primeira vez, e como diría o meu mestre Felipe Senén, os compoñentes deste heteroxéneo e alegre grupo non foron espectadores dun magnífico cadro, senón que se converteron nos actores da súa propia visita.
Cincuenta debuxos son cincuenta visións distintas, pero todos tiñan unha cousa en común. ¿E saben cal?. Nesas pinturas non se ollaban ruínas, había xente, persoas. E non só elas. Tamén porcos, ovellas, carros tirados por bois, gamelas na praia, un sol resplandecente e ata peixes choutando fóra do mar: a materia da que está feita o pasado. Toda unha emocionante lección de arqueoloxía.

Tito Concheiro

viernes, 9 de noviembre de 2012

Estaban aí, benditas portas



















A pregunta era un clásico en todas as visitas de Baroña: "vale, son casas, pero ¿por onde entraban?". En realidade, o aspecto actual e a imaxe máis popular da arquitectura dos castros é un produto da propia actividade arqueolóxica. E a Punta do Castro non foi unha excepción. Ese mundo de cabanas redondas, cos seus muros cortados á guillotina e sen portas, non ten nada que ver con cómo foron no seu día as vivendas dos castrexos que viviron neste promontorio atlántico a finais da Idade do Ferro. De feito, calquera visitante sen coñecementos profundos víase na obriga de facer un descomunal esforzo de imaxinación para recrear, con base a aqueles restos, estáticos e mudos, a apariencia e vivir cotián do mellor castro costeiro de Galicia. Os vellos métodos, cada un fillo do seu tempo, como os grandes frontes de escavación e o seguimento de muros de Luengo, ou os cuadriculados Wheleer con testemuñas anchas, planeados por Calo a comezos da década dos 80, tiveron moito que ver na pervivencia deste falso histórico, pero tamén a propia inercia da profesión e un certo conservadorismo á hora de interpretar a arquitectura doméstica da Idade do Ferro.
Pero estaban aí. Apareceron de súpeto, como pantasmas. Ao revisar as fotos das escavacións antigas e analizar os paramentos orixinais, vimos claramente os ocos tapiados de Jano. A estrema entre o fogar da familia castrexa, escuro, tinxido de fulixe e acre como o peixe afumado, e as estreitas calexas e praciñas que formaban os espazos comúns. Logo só tivemos que volver a escavar, baleirar o interior desas casas, desmontar as vellas reconstrucións de cachotes e cemento gris e... voilà, aquí as temos.
Observando as dúas imaxes que ilustran esta entrada pode entenderse a importancia do achado. Ata este 2012, en Baroña só era posible explicar os máis manidos tópicos e lugares comúns do Castrexo. Agora, o castro empeza a falar de si mesmo.
Na fotografía de arriba, tirada neste mesmo mes de novembro, Pablo e Acebo traballan na restauración dunha das casas do segundo recinto, escavada en 1933 por García Paz. Pode verse a porta orixinal, xa aberta, dotada incluso dun chanzo para facilitar o acceso ao interior. A de abaixo ten un ambiente moito máis veraniego. A finais da primeira campaña, nos últimos días de xuño, Tuti fai o sinal da vitoria diante dunha das casas escavadas no seu día polo Sr. Luengo, coa  súa porta recuperada, mentres dá  os últimos retoques á restauración dos muros.

Tito Concheiro


jueves, 8 de noviembre de 2012

Os alumnos de arqueoloxía visitan Baroña




















Cómo cambiou o conto nuns poucos meses! De ser un miradoiro de arroases e un agradable lugar de paseo para esotéricos e guiris, o Castro de Baroña converteuse nun auténtico recurso cultural e nunha espléndida aula ao aire libre onde aprender historia, etnografía e natureza.
Onte, ese xélido mércores 7 de novembro, os alumnos de arqueoloxía da Facultade de Historia da USC achegáronse Castro de Baroña, acompañados do seu profesor, o Sr. Fábregas. Máis alá da visita guiada polo xacemento, na que os futuros arqueólogos puideron ver a practica arqueolóxica en vivo e en directo, disfrutei especialmente coa xuntanza final, todos reunidos arredor do grupo de cabanas recentemente restaurado. Alí, relaxados diante da praia do Castro, e nun ambiente de extraordinario bo humor e camaradería, os estudantes acribillaron ao equipo técnico, arqueólogos e restauradores, cunha impresionante batería de preguntas. Como non podía ser menos, o debate só foi interrompido á hora de entre lusco e fusco. Unha gozada de visita e a proba de que o castro sirve para algo máis que contemplar marabillosos solpores fronte a Monte Louro.

Tito Concheiro

martes, 6 de noviembre de 2012

Baroña e a súa xente (I): José María Luengo Martínez

































Malia que para moitas persoas resulte chocante, a imaxe actual do Castro de Baroña débese en gran parte a este erudito leonés, nado en Astorga nos últimos anos do século XIX. Non se pode dicir que fose un exquisito no ámbito da metodoloxía, e eu aínda me pregunto cómo diaños era capaz de identificar niveis e mesmo recoller materiais naquel totum revolutum de sachos e terreiras. Probablemente porque non tiña formación académica en arqueoloxía (era funcionario da administración do estado), non sentía querencia polos novos métodos de escavación e nunca fixo un replanteo ou montou unha cuadrícula. Intuitivo e decidido, daba unha gran importancia á imaxinación e á lectura in situ dos restos, faceta na que o axudaban os seus amplos coñecementos de etnografía.

A Baroña chegou sendo Comisario provincial de escavacións  e director do Museo Arqueolóxico da Coruña, a cidade que o acolleu como un brigantino máis e á que tanto amou. Dende o punto de vista cuantitativo, as súas foron as campañas máis intensas, xa que entre 1969 e 1972 abriu en canal unha ampla superficie dos recintos segundo e terceiro, das estructuras defensivas e, incluso, da muralla que pecha o istmo de area. Lonxe de apocarse, estableceu unha cronoloxía, definiu fases de ocupación e interpretou os vestixios arquitectónicos, transformando un depósito arqueolóxico mudo nas ruínas dunha pequena praza forte da Idade do Ferro. O mellor que se pode dicir a prol do seu traballo é que moitas das súas hipóteses estanse a confirmar arestora, catro décadas despois.

Este castro soberbio ten contraída unha débeda eterna con José María Luengo, o arqueólogo que escavaba cos ollos, un leonés da Maragatería escravizado pola paixón á arqueoloxía.

Tito Concheiro

lunes, 5 de noviembre de 2012

Unha xornada en Baroña






























Era todo un espectáculo, ver baixar a aquel exército de guerreiros diminutos tocados con puchas verdes. Abraiaba, pero non semellaba unha ameaza moi seria: dende lonxe, antes incluso de que estiveran á vista, xa os escoitábamos rir.

De todos os grupos escolares que visitaron o castro dentro do Plan de Difusión e Divulgación, case dúas decenas de centros,  previa cita, como cos dentistas ou notarios, o Colexio de Baroña lévase a palma. Foi o día 30 de maio, no equinoccio dos traballos de campo da primeira fase de actuación, nunha mañá esplendorosa ás portas do verán. Durante unha horas o castro foi seu. Parou a escavación e a restauración,  o rebulir de carretillos e capachos, e o espazo da memoria converteuse nunha aula ao aire libre e nun enorme parque de xogos. Como dicía a deliciosa lenda impresa naquel mar de gorras verdes, feitas pola Comunidade de Montes para a ocasión: Castro de Baroña, Xornada arqueolóxica. Nada máis oportuno. Unha auténtica homenaxe aos restos deste poboado prehistórico e a terapia de rexuvenecemento que precisa todo un coloso de 2000 anos.

Para todos nós, algúns xa veteranos e con moitos anos na brecha, foi tremendamente emotivo. Aqueles cativos de infantil e primaria aprenderon e disfrutaron, pero, sobre todo, deron sentido ao noso traballo, alí mesmo, no castro do seu pobo. Como o título dun daqueles libros anglosaxóns que todos debullamos cando eramos nenos: “Unha xornada en Baroña”.

Tito Concheiro



domingo, 4 de noviembre de 2012

A Agra de Baroña

A Punta do Castro é un xacemento arqueolóxico excepcional, pero Baroña ten moito máis. Na súa contorna poden observarse os restos dunha das paisaxes agrarias tradicionais máis interesantes e mellor conservadas do litoral galego. Alí, concentrados e a pequena escala, como si fose un aleph borgiano, atopamos leiras de cultivo, tapados (esas parcelas pechadas por muros de cachote e sen portas das que falaremos noutra ocasión), camiños lousados, marcos, cómaros e regas. Todo un catálogo da ordenación do territorio tradicional e das infraestruturas precisas para o desenvolvemento dunha comunidade labrega fortemente fincada na terra.
Todos estes elementos se interconectan e non funcionan illadamente. Facendo unha valoración persoal, probablemente o máis rechamante deles sexa a rega. Aínda que pareza chocante nun país húmido, o regadío era fundamental na estrutura agraria tradicional de Galicia, un lugar tamén sometido a fortes secas estivais. As regas forman un complexo hidráulico de primeira orde, unha marabillosa mostra de arquitectura popular, de enxeño e de adaptación ao medio.
Na Agra de Baroña, situada mesmo á beira do Castro e protexida do vento do mar polas dunas e o canabal da Area Longa, e onde algúns veciños da Igrexa e Abuín seguen a traballar as leiras ao xeito tradicional, este valioso elemento aínda está en funcionamento. Recorrelo, serpenteando por un auténtico labirinto de camiños, é unha experiencia única que evoca a labregos e cavadores,  a argazo, a batume e a toxo.
A auga que baixa do monte de Orellán encórase nunha balsa, o pozo da rega, que regula a saída por un curioso sistema parecido a un sifón. Un complexo sistema de canles, lovadas de auga, canleiros, portelos e piadoiras deriva o fluxo hidráulico dende o rego central ás distintas leiras, segundo quendas de propiedade e cultivos, de xeito que, en canto á necesidades, todos teñen e non se perde unha soa gota.
Na fotografía, tirada en decembro de 2008 no medio e medio da magnífica Agra de Baroña, mentres realizabamos os estudios previos para o Plan Especial de Protección do Castro, pódese observar un grupo de regos en espiña de peixe, destinados a manter húmida e fresca a herba que alimenta no inverno ao gando estabulado.

Tito Concheiro


viernes, 2 de noviembre de 2012

O argazo do Coído



Baroña sempre foi unha parroquia agrícola. De feito, agás a pequena rampla da Arnela, onde ata inicios da década dos 90 aínda se podían ver dúas dornas polbeiras varadas, non ten porto. A diferencia doutras freguesías veciñas, como Caamaño, Xuño ou Noal, a plataforma litoral é moi estreita e non permitiu a configuración de grandes agras abertas. Por eso organizaron as terras de cultivo nas cuncas entre penedos que rodean ás aldeas, chegando mesmo á beira das praias e cantís. Os campesiños de Baroña, a parroquia onde as montañas morren no mar, traballaron duro para saír adiante. Nunha epopeia moi semellante á que describe Robert Flaherty en Man of Aran, levaron ata o paroxismo o seu enfrentamento coa natureza, exprimíronlle todo o zume posible á unha terra dura e agreste e conseguiron crear unha paisaxe nova.

O argazo, un regalo que chega á costa en épocas de mareas vivas e mar de fondo, tivo moito que ver nesa carreira de fondo contra o tempo. Aproveitado como abono, utilizábase no estercado das leiras nunha zona onde o estrume de orixe animal non abundaba. En Baroña, o argazo recollíase sobre todo na evocadora praia do Coído, moi preto da Punta do Castro, onde se pode contemplar, fosilizada como un depósito arqueolóxico, unha das máis espectaculares agras pechadas que eu teña visto, axuntada mesmo aos coios da praia.

Ao argazo íase en carros, ou incluso a pé, con grandes cestas de varas que as mulleres levaban na cabeza como si fosen patelas de sardiñas. As familias xuntábanse e o apañaban con engazos ou cambóns. Se tiñan leiras na mesma agra, podíano botar directamente, pero o normal era que se deixara secar nunhas pequenas construcións, abertas e redondas, feitas con muros de cachote a seco: as cabanas. Ata fai pouco tempo aínda se albiscaban varias destas curiosas estruturas no camiño que baixa ao Coído, pero agora o mato e as silvas son os únicos donos do lugar.

Ilustracións: Vista da agra do Coído, en Baroña, e do cadro “A carreta do Argazo” de Serafín Avendaño.

Tito Concheiro


jueves, 1 de noviembre de 2012

Baroña sae á luz: os Ultreyas, a Punta do Castro e o carabineiro D. Pablo Díaz (II)


Foi un personaxe de película. Todo en el é fascinante, dende a súa pertenza ao corpo de carabineiros e, polo tanto, en contacto estreito con contrabandistas e mariñeiros de altura, ata o seu misterioso final, envolto nas brétemas do Cantábrico, nos días seguintes ao golpe militar de 1936.

Pablo Díaz estaba destinado no posto de Noia – Son, a onde chegara procedente de Cartaxena, praza soada por ser o porto de “saca” ilegal de antigüidades e obxectos arqueolóxicos de valor, preferentemente con destino ao mercado francés. Hai que suporlle, xa que logo, coñecemento e unha gran paixón pola arqueoloxía. Foi esa paixón irrefrenable á que o levou a organizar unha escavación furtiva a gran escala na Punta do Castro, mobilizando a unha cantidade enorme de veciños de todas as idades, homes e mulleres. Das conversas que estes manteñen cos ultreyas, dá a impresión de que non acudiron en masa a traballar por unha gratificación económica, senón que Pablo Díaz os suxestionou de tal xeito que os paisanos viron na escavación do castro o proxecto estratéxico das súas vidas, aquel que os ía facer ricos da noite á mañá. Atopar a mina de ouro e os tesouros agochados, e deixar para sempre de carrexar argazo ou conformarse co quiñón do bote, era unha tentación demasiado forte e non o dubidaron. Que o carabineiro lograra convencelos ata ese extremo indica unha personalidade carismática e arrolladora, así como un gran don de xentes. Un arquetipo da época que lle tocou vivir: os convulsos anos 30.

O encontro entre Pablo Díaz e a nosa pequena compañía de mozos excursionistas foi extraordinario. Ademais, reflicte que o castro, dotado dun imaxinario colosal xa perdido, era daquela, incluso antes das intensas escavación que sufriu ao longo de máis de medio século, impoñente e monumental. Paga a pena ler o relatorio que fai da visita o ultreya noiés Xosé Fernández:

“Pol-a serán fumos a ollar a citania de Baroña, descoberta pol-o carabineiro D. Pablo Díaz que nol-a mostrou. É un señor de moita cultura que leva traballando nela dende xoves santo. Este señor ten unha colección moi boa de moedas e moitas antiguedades.
O castro está nunha península (nos mapas chámase punta do Castro) cuyo ismo chámase “logar das campas”; aquí foi onde apareceu a lápida roman en mármol que se garda en Queiruga e que foi levada á exposición de Compostela. Neste logar ollanse restos dunha calzada roman e as xentes din que hai homes enterrados e que aparecen encantos.
Logo do ismo ollase unha altura do terreo que semella unha murádela. Despois chégase ao castro propiamente dito, todo arrodeado de muradela con porta principal: o oco vese moi ben.
No castro hai dúas penedas que D. Álvaro pensa que están insculturadas, pro D. Pablo di que non. No castro ollanse moi ben as plantas de dazasete casas circulares e síguese ben o trazado de outra murádela. Unha destas casas xa foi aberta, a primeira de contra o sul, e apareceron nela dúas agullas e unha anela de bronce, tres machados neolíticos, dous muíños de man de roda e unha enormidá de cerámica, casi toda decorada, pro ningunha policromada. A decoración que domina son bultiños como garavanzos e incisións como espiña de peixe. Esta casa aberta ten cinco metros de diámetro. O día que se abran todas con certeza que han aparecer moitas cousas”. (NÓS, Ano XV, num. 114, páx.. 141. 1933).

Espectacular. Para nós, 79 anos despois, e para Álvaro De Las Casas, por suposto. Ao intelectual ourensán o que non se lle podía negar era sensibilidade e ficou realmente impresionado. Por eso, sen perda de tempo, dá parte ás autoridades e o gobernador civil ordena o cese de toda actividade no castro e a execución dunha escavación legal. A súa dirección for encomendada a Sebastián González-García Paz, catedrático da Universidade de Santiago e a prima donna da arqueoloxía académica do momento.

Dende este intre, a figura de Pablo Díaz, afastado dese castro ao que, sen dúbida, tanto amou, esvaécese como o fume. O golpe de xullo do 36 foi o seu tiro de gracia. Comprometido coa causa republicana, sábese que fuxiu cara Muros  e logrou pasaxe nun dos barcos de evacuación (bous de altura) que se dirixían aos portos non sublevados do Cantábrico.  Aquel barco de madeira tripulado por homes de ferro nunca chegou ao seu destino.

Lamentablemente, non teño ningunha foto do carabineiro Pablo Díaz, o personaxe máis incrible de cantos pasaron por Baroña. Por eso ilustro este texto coa foto dun bou vasco de mediados dos anos 30, o Araba, moi semellante a aquel que foi o derradeiro fogar do descubridor da Punta do Castro e as súas arcas de antigüidades máxicas.

(Ilustración: Virginia López, “El puerto de Pasajes y la pesca del bacalao en el siglo XX”. Euskomedia).

Tito Concheiro




Archivo del blog